quinta-feira, junho 30, 2005

Confusión

Síntome como un adolescente en encrucilladas. Estraño. Estrañado. Musiquiñas de Pedro Guerra e Silvio Rodríguez.
Mais xa non son un adolescente.

Nos últimos tempos mudaron cousas nas miñas perspectivas. Os átomos dos corpos cámbianse de vez cada non sei cantos anos. Tal vez os meus átomos sexan de vez diferentes sen eu me dar decatado dos millóns de disimulados microcambios.

Sol ou chuvia, dilema nun outonizo día do Xuño que prometía canícula.

terça-feira, junho 28, 2005

69 anos despois

Hoxe é día 28 de Xuño. Ademais de ser Día do Orgullo Gai e Lésbico, hai 69 anos que os galegos e as galegas estaban convocad@s ás urnas para decidir se querían ou non un Estatuto de Autonomía. A resposta foi SI, abrumadoramente. 69 anos despois, Galiza comeza unha nova etapa da súa historia. Novamente, 69 anos despois, as esquerdas gañan sobre as dereitas. Novamente, 69 anos despois, o nacionalismo ten un protagonismo chave no proceso.

A maioría dos medios de comunicación, os "galegos" tamén, están a se centrar en que Touriño vai ser o novo Presidente da Xunta. Quérese esquecer que o PSOE ficou a 13 escanos da gobernabilidade, xusto a cifra de deputad@s que ten o BNG... Agardo que a negociación non sexa rápida, como piden algunhas e algúns, senón que leve o tempo preciso para que se resolva beneficiosamente para o proceso de construción nacional e de consolidación dun espazo sociopolítico proprio.

segunda-feira, junho 27, 2005

Hoxe xógase a prórroga

Non houbo empate o día 19. O PP ten moitos menos votos que a suma dos votos recibidos por BNG e PSOE. Mesmo que hoxe gañase o escano que lle falta para a maioría absoluta, gobernaría cun número de apoios cidadáns menor que o sumado pola que sería a súa oposición.

A ver que pasa. A champaña continúa no seu sitio. Expectante.

sábado, junho 25, 2005

Non facerse vellos, sendo humanos, é imposíbel

Este verso, traducido, pertence a un novo poema de Safo que se acaba de descubrir. Podes ler o artigo orixinal da descoberta coa versión do poema en inglés aquí. A tradución inglesa, coas consabidas conxecturas e reconstrucións, é esta:

[You for] the fragrant-blossomed Muses’ lovely gifts
[be zealous,] girls, [and the] clear melodious lyre:

[but my once tender] body old age now
[has seized;] my hair’s turned [white] instead of dark;

my heart’s grown heavy, my knees will not support me,
that once on a time were fleet for the dance as fawns.

This state I oft bemoan; but what’s to do?
Not to grow old, being human, there’s no way.

Tithonus once, the tale was, rose-armed Dawn,
love-smitten, carried off to the world’s end,

handsome and young then, yet in time grey age
o’ertook him, husband of immortal wife.

sexta-feira, junho 24, 2005

Novo tempo

Non vou falar agora do novo tempo para o país que chegou e que debe ser confirmado oficialmente co reconto dos últimos votos que faltan por contar, os chegados da emigración. Refírome neste post ao tempo novo que debe comezar na miña vida, por ter tempo xa para reordenala. Din que as cousas que comezan en luns terminan en mércores. Serei capaz desta?

quinta-feira, junho 23, 2005

A esta mani non podes faltar!

Tal e como está o patio, non tes escusa para non vires a esta manifestación. O próximo sábado ás 20 horas, Orgullo Gai e Lésbico en Santiago.

Alí estarei!

terça-feira, junho 21, 2005

Caro diario:

Póñome a escribir sen ter aínda moita idea de que pór aquí. Chego á miña cita co caro diario das non-confidencias. Non-confidencias salvo que se fagan a media luz.

A xente con gañas de cambio mantén aínda unha raiola de esperanza en que o PP non obteña novamente a maioría absoluta. Só de pensar no exército de gaiteiros dándolle a benvinda a un novo mandato de Fraga e xa me poño doente! Socooooorroooo!

Esta fin de semana irei a Lugo, pois seica se celebra alí a mani-festa do Orgullo deste ano. De momento, a cousa non parece moi ben convocada, pois nin tan sequera en internet hai información, que xa é dicir. Conste que esta é unha crítica construtiva. Non podería ser doutro xeito, pois seguro que se non se pode facer mellor é porque lle faltan máis mans (entre elas, as miñas) para facelo mellor.

Outro obxectivo para a nova vida que quero comezar: Afiliarme dunha vez a un colectivo gai. (Que conste que xa me ía afiliar hai tempo, mais xusto nese momento o CGC pasou por unha forte crise, que case desaparece. Agora que volven cobrar vida, debo tentar darlles o meu apoio, aínda que só sexa económico. E iso que pago xa tantas tantas tantas cotas!

segunda-feira, junho 20, 2005

Q tristeza!

A campaña do BNG foi moi boa e fíxonos soñar. Os inquéritos a pé de urna deixáronnos ver o que soñábamos. A súa coincidencia dáballes credibilidade. E, finalmente, a porca realidade rompeunos o soño. O PP podería revalidar a maioría absoluta e o BNG cae ao nivel de representación parlamentaria de 1993. O PSOE, malia o seu candidato, refórzase conseguindo o seu segundo mellor resultado da historia autonómica.

A esperanza, a pequena esperanza, é que o escano en xogo por Pontevedra finalmente non o arrebate o PP. Abriríanse as portas así ao chamado cambio. Así e todo, eu non as teño todas comigo. Temo, por exemplo, que o PSOE se reespañolice como xeito de se distanciar do BNG e que iso poida ter implicacións no posíbel acordo de goberno ou acordo de lexislatura.

Algo fixemos ou talvez algo non fixemos para que isto pase. Beiras puxo un triste final á súa biografía contribuíndo a levarnos a esta situación. O debate que agora haxa no nacionalismo debe ser, en todo o caso, construtivo, porque as loitas intestinas dos últimos catro anos penso eu que xa fixeron dano abondo.

sábado, junho 18, 2005

Botellón

Paseino moi ben hoxe. Mesmo con algunha sensación de dejà vu (penso que se escribe así).

sexta-feira, junho 17, 2005

Bailoteando

Nervos e emoción ante a posíbel derrota de Fraga Iribarne. Falta menos... Falta menos...

3, 2, 1...

A conta atrás para o cambio político está xa máis próxima de chegar ao seu fin. Hai ilusión, hai esperanza, mais a porcentaxe de indecisos ou persoas de voto non declarado supón unha tendencia importante que pode decidir o final destes días de festa.

O PP moverase como nunca este domingo, e non sempre con xogo limpo. Mais a súa maquinaria comeza xa, e non era sen tempo, a estar un pouco enferruxada.

Eu, pola miña parte, preciso pór orde, descansar algo, respirar fondo e volver con forza aos vellos proxectos.

SMS

Chegoume isto:

HOMOFOBIA NUNCA MÁIS. Concentración este sábado ás 11.45 horas no Obradoiro en resposta á manifestación de Madrid en contra de lésbicas e gais apoiada polo PP e a Igrexa. PÁSAO.

terça-feira, junho 14, 2005

Pálpebras que caen


Estou demasiadas veces demasiado cansado. É algo ao que teño que tentar pórlle remedio, canto antes. Voume deitar agora mesmo, para poder durmir as mínimas oito horas precisas.

A campaña continúa adiante, acaparando case toda a atención. A maioría da xente coincide en que se pode xa tocar cos dedos a xubilación de Fraga. Unha xubilación que, con certeza, non será antecipada...

A Mesa pola Normalización Lingüística puxo hoxe en circulación un power point sobre os resultados da xestión de Fraga para o idioma que nos une como galegas e como galegos.

Deixei o vídeo gravando unha nova serie que botan en TVE, algo así como Mulleres desesperadas, e da cal xa me falara moi ben miña irmá. A ver que tal...

Un blog non é un diario

Estou no traballo, no computador do Departamento do instituto.

Viña pensando que había cousas que gostaría de pór no blog, mais que o blog non é un diario, nin unha axenda, nin cousa semellante. Non é este, non, lugar para arexar intimidades ou aventurar confidencias. Supoño que xa moita xente, en moi diversas linguas reflexionaría antes sobre isto...

Tampouco sei aínda que grao de anonimato darlle ou non a este blog. Continúo aínda en obras. Como a vida, non?

Como Allarís, todo o país

Seica se estreou novo lema para a campaña: Galiza como Allariz. Eu prefiro a versión seseante que lle escoitei hai anos a un compañeiro de Galiza Nova: Como Allarís, todo o país!

segunda-feira, junho 13, 2005

Vou para a cama (xa vedes que noticia)


Como isto do blog, pola súa novidade, é como un xoguetiño para min, non podo deixar de escribir un pouquerrechiño antes de me ir deitar. Teño que durmir ben que, se non, as defensas baixan e chegan as infeccións.

Non podo deixar de estar feliz, porque cada vez parece faltar menos para que nos libremos do Monstro:





O galego na Unión Europea

Non hai moita novidade: O galego, o catalán e o basco continúan practicamente co mesmo nivel de recoñecemento que tiñan, lonxe da oficialidade real. O que non deixa de ser curioso, por hipócrita, é que o PSOE diga demandar nas institucións da Unión Europea o que non consinte nas institucións estatais de aquí. Para cando se poderá utilizar o galego no Congreso ou no Senado? Para cando a Administración central utilizará con normalidade e preferencia o noso idioma? Recordemos: os formularios da renda, os formularios de bolsas de axuda ao estudo, as papelaxes da Tesourería Xeral da Seguridade Social, as webs dos Ministerios... Na casa do ferreiro, coitelo de pau.

Comeza un novo día

Comeza un novo día e cada vez falta xa menos para as eleccións. Hoxe é o último día en que a lei permite publicar inquéritos e os resultados que se lle dan ao BNG son de estabilidade a respecto do 2001: podería descer un, mentres a valoración do candidato e as súas opcións como alternativa foron aumentando ao longo da campaña. Se eses fosen os resultados (que aínda poderían ser mellores), o Bloque estará nunhas condicións óptimas para negociar.

Non deixo de escandalizarme pola manipulación informativa. Hoxe La Voz agasalla con novas pérolas: Escríbese a crónica electoral do BNG preguntándolle a un paisano, que é un xeito de desvirtuala. É algo así como cando nos xornais, para nos ilustraren sobre a maldade de Cuba ou de Venezuela, lle preguntan á xente da rúa sobre a situación económica deses países. Son manipulacións subtís, na procura de que alguén, aínda que non sexa un observador cualificado, lles diga aos medios o que queren ouvir, o que deben transmitir. Ética xornalística? Ula?

Cando escriben nese mesmo xornal sobre asistencia aos actos, idem de lienzo. Cando menos na versión virtual (non lin aínda a versión en papel) non se di que en Allariz case se chega ás 2.000 persoas (máis de 1.700 dixo Europa Press) ou que en Ponteareas se superaron as 500 (dixo Europa Press tamén nun teletipo, que o mesmo xornal de que estou a falar rebaixou considerabelmente). Non digo que o BNG non poida ser a organización que menos convoque, mais o ético é non rebaixar as cifras para unha organización política mentres se manteñen ou inflan as dos demais (penso, p. ex., no caso da mal chamada romaría do Monte do Gozo, onde La Voz, igual que a maioría dos xornais, multiplicou as cifras de asistentes, mentres tamén Europa Press, e non só ela, nos teletipos falaba duns -xenerosos- 20.000 romeiros).

Abaut mii

Teño que terminar de postear isto rapidiño, pois debo ir saíndo para traballar. Durmín pouco, porque rematei onte, ben tarde, algunhas das cousas que tiña que facer. A ver como fago agora o encaixe de bolillos para a semana, co pouco tempo e a apretada lista das cousas a facer aínda.

Falamos.


domingo, junho 12, 2005

Dúas boas páxinas sobre as eleccións

Clica en cada unha destas ilustracións e verás unha boa páxina sobre as autonómicas do próximo 19-X:



Que o que se gañe o domingo non se perda o mércores

Aínda estou por aquí, enviciado con isto de enviar garrafas ao mar desde internet. A cousa, vendida como sinxela, é realmente sinxela.

Véxase esta noticia do semanario A Nosa Terra:

A primeira maioría de Fraga en 1989 obtívose cun sospeitoso resultado do voto emigrante

Nas eleccións de 1989 o PP obtivo a maioría absoluta, mercé a unha sospeitosa alteración da lóxica estatísca, disparándose en Ourense a incidencia do voto do PP no Censo de Residentes Ausentes: foi o único caso no que lle gañou ao PSOE e fíxoo por unha diferenza que non se corresponde con nada sucedido nin antes nin repetido despois. Aquel oitavo escano de Ourense decidía a presidencia de Fraga. Foi cousa do home do saco?

En todos os procesos electorais desde 1989, o Partido Popular vense xogando as súas posibilidades de goberno no gume da navalla: só lles vale conseguir maioría absoluta. As eleccións do 17 de decembro de 1989 estaban marcadas por moitas particularidades que é preciso lembrar para situarse. A presidencia da Xunta encabezábaa o socialista Fernando González Laxe, que viña presidindo desde 1987 un goberno tripartito xunto ao PNG e Coalición Galega, despois de producirse unha moción de censura apoiada por deputados que se desligaran do PP. Paradoxicamente, o PSOE de Madrid nunca apoiou ese goberno alternativo, e como símbolo dese distanciamento o presidente español, Felipe González, nunca recibiu na Moncloa ao seu correlixionario González Laxe. A outra singularidade era a presenza de Manuel Fraga como candidato, despois de terse retirado da primeira liña política, cedendo a presidencia do PP a José María Aznar. Finalmente, as eleccións galegas tiveron lugar apenas mes e medio despois do PSOE obter a súa terceira maioría consecutiva no Congreso dos Deputados.

A noite electoral Fraga cantou vitoria cos resultados provisorios na man, nos que chegaba axustadamente aos desexados 38 deputados, pero na cociña dos partidos todos os ollos se dirixían a Ourense, onde os cocientes de asignación de votos deixaban as espadas en alto á falta do escrutinio definitivo e a contabilización dos votos dos residentes ausentes. Nesas primeiras horas, os escaños de Ourense correspondían do seguinte xeito: PP (8), PSOE (5), Coalición Galega (1) e BNG (1), e así o publicaron algúns xornais o 18 de decembro. Horas despois reasignábanse e cos datos provisorios o BNG perdía o seu representante en favor do PSOE. Os derradeiros cocientes de PP, PSOE e BNG estaban axustadísimos: o PP obtiña o seu oitavo escano ourensán con 10.270 votos e o PSOE o seu sexto con 10.065 e o BNG quedábase ás portas con 10.060.

Faltaba escrutar o Censo de Residentes Ausentes e revisar as actas antes de coñecerse os resultados definitivos. Comezaban as sorpresas.

-----------------------------------------------

Non lles permitamos que gañen arteiramente o mércores o que perdan o domingo!


Fedellando

Continúo a fedellar por desvelar algúns pequenos misterios da informática (e do inglés das instrucións) que me axuden a ter un blog un pouco máis xeitosiño. Comecei póndome como Simulacro26 o nome da páxina e o enderezo, como se pode ver na primeira mensaxe, que puxen onte de madrugada.

Xa tiven a miña conversa do día através do msn cun novo amigo da alma, que coñezo desde hai tempo mais co que me levo especialmente ben desde hai unhas semanas. Estou só na casa e sen facer todo o que teño que facer. E el collerán as cousas e faranse soas? Brrrrrr....

Agora o enderezo deste blog é o que ves, e o nome fica en "Simulacros dun areeiro", do que gosto máis.

Faltan sete días para o final da mercadotecnia eleitoral e o comezo da realidade. Eu teño a champaña preparada, aínda que só haxa sorbos agridoces.


Inquéritos e agobios

O PSOE manipula TVE

Hoxe debería ir ao paraíso perdido da miña infancia e mocidade a ver á familia e á veciñanza indecisa. Mais deiteime tarde, estou canso e non sei que facer... Se alguén sabe de un curso de autoaxuda que sirva para que un teña máis vontade e sexa minimamente efectivo, por favor, que deixe recado nos comentarios de aquí abaixo.

Levo días con varias cousas atrasadas que non dou sacado para adiante, co conseguinte agobio. Onte talvez perdín algunhas oportunidades importantes, ou talvez non. Quen sabe. E, para máis inri, aturar os inquéritos coa súa tendenciosidade. E as crónicas equidistantes de algún xornal.

Mentres, TVE, tan obxectiva ela, decide sacarlle as castañas do lume a Touriño e anular o debate con escusas de mal pagador que nin tan sequera utilizou a TVG hai unha semana. Enfín! Para cando unha TV pública non partidaria?



Outro éxito de Fraga

Por se fosen poucos os éxitos de Fraga, aí vai outro:

Cambio ou cambiazo?

Recomendo a páxina www.destavai.com E desta irá! Malia a que Francisco Vázquez e compañía nos queiran dar cambiazo en troca do cambio desexado.






O primeiro día

Estou aínda a tantear con internet, e nin tan sequera sei ben onde irá parar esta primeira mensaxe que estou a escribir para o éter. Tiña tantas cousas para facer, mais aquí estou creando un blog que non sei que futuro terá ou se o darei feito minimisimamente ben.

Pensei un pouquiño en que nome pórlle. Eu quería que fose simplemente Simulacro, mais finalmente tiven que pórlle Simulacro 26. Como non son moi adito ás cábalas, e non hai moitos números que me digan grande cousa (para alén do 69) optei por utilizar a miña idade actual. Ben sei que se continúo vivindo e continúo actualizando este blog, talvez dentro dun tempo sinta saudade desta cifra. Así che é a vida: tan fea que é imposíbel deixar de darlle patadas (Lupe Gómez dixit).