sexta-feira, dezembro 23, 2005

Boas festas e feliz ano!

Cando desexo felicidade por estas datas, tento non dicir "Bo Nadal", porque iso significaría reducir o festexo á errónea efeméride do nacemento de Xesús Cristo. Por iso costumo dicer "Boas festas e feliz ano", máis completiño e tamén máis exacto.

Vou ir cear coa familia o 24, mais aínda non sei que farei o día 31. Algunha proposta?



quinta-feira, dezembro 15, 2005

Outra pequena vitoria

Lin hoxe a boa noticia de que o Tribunal Constitucional decidiu rexeitar a tramitación dalgúns xuíces (tan unineuronais coma estes) que non querían cumprir coa súa obriga de testemuñar vodas entres mulleres ou entre homes.

Malia esta nova pequena vitoria manteño o temor polo resultado do recurso de inconstitucionaldidade presentado polo homófobo PP. Ante esta actitude do Partido Popular, pregúntome por que razón non utilizamos dunha vez a homosexualidade do seu líder Mariano Rajoy (ou Raxoi aínda que el non queira, porque Rajoy é tan deturpación como Sangenjo).

Queremos crear e consolidar un novo tempo e un tempo novo, como o que poetizaba o meu adorado Silvio Rodríguez en 1988:


Parte del tiempo (nuevo)

El nuevo tiempo trae nuevas cruces
y resulta ser nuevo tiempo duro;
tiempo de certidumbres, como luces
que van nombrando el sol desde lo oscuro.

El nuevo tiempo exige su alimento
con menos humo sobre nuestras calles,
homosexuales por el firmamento
y ballenas felices en sus valles.

El nuevo tiempo se simula encueros
pintándose la piel sobre el vestido.
El nuevo tiempo no es un tiempo nuevo:
es sólo tiempo, viejo conocido.

El nuevo tiempo espera por canciones
que iluminen e inflamen desde abajo,
pero no hay más
hoguera en las razones
que la vieja lumbrera del trabajo.

De nuevo un tiempo
nuevo impugna dioses
y quizá sobreviva a su cinismo,
siempre que no
termine en las atroces
y amargas estaciones de egoísmo.

El nuevo tiempo planta su derecho
humano y natural
contra el absurdo
y yo, con poca voz, pero de pecho,
canto porque el
derecho sea más zurdo.

Algo vulgar e un tanto artificial..

... como un flash eléctrico...

Bótollo un olliño como quen non quer á cousa ao reloxio do computador e pasa xa un pouquichiño das tres da mañá. Non son horas para estar nisto, así que irei indo para a camiña, que parece que está a chamar por min... :P

segunda-feira, dezembro 12, 2005

Estatuto de Nación

Con máis ben pouca vergoña, os gobernantes de Castela e León e Asturias queren negarlle como posibilidade ao novo Estatuto galego o mesmiño que recollen xa os seus textos estatutarios en vigor.

Claro que é unha mágoa, de calquera xeito, que o debate sobre o novo Estatuto comece cun tema tan dado á manipulación como o relacionado cos limites do país. E, ademais, unha cuestión seguramente inviábel e con pouca saída práctica para, cando menos, os próximos 50 anos.

No referente a min, pasei o día traballando no portátil. Aínda que avancei en moitas cousas, incumprín os meus obxectivos do día e non fun ao centro de Santiago pola mañá, como era a miña planificación desde hai tres ou catro días...

Agora, non sei se verei a serie esta de Antena 3 que comeza hoxe sobre abducións ou se me porei a outras cousas.

(Mentres escribo isto, escoito "Next year, baby" de Jamie Cullum. Evocador e saudoso.)

domingo, dezembro 11, 2005

Jorge Bucay

Ultimamente ando coa vista cansada, así que en troca de continuar a ler calquera dos libros que teño enriba da mesa de noite, púxenme a ouvir uns audiolibros de Jorge Bucay, un psicólogo arxentino que pretende convidarnos a reflexionar a través de contos. E gostei da cousa. Tanto gostei, que estou a pensar en non ficar só con eses audiolibros (repito a palabriña para que se vexa que son moderno) baixados do emule, senón que mesmo penso en comprarme algúns outros neses estabelecementos que chaman librarías.

Non pensedes que o Bucay este é un telepredicador ou cousa semellante. Botádelle un ollo ás historias que conta e xa me diredes que vos parece.

sábado, dezembro 10, 2005

Que, apostatamos?

Entre as cousas que teño pendentes para o 2006 está apostatar. Xa hai tempo que non creo que haxa un deus nin unha deusa aló no firmamento. Nin tan sequera penso que haxa un posíbel panteón de deidades, chámense Ateneas, San Roques ou de calquera outro xeito. Iso si, respeito profundamente a quen crea en tales cousas. Ao cabo, eu tamén fun moi místico na miña infancia e primeira adolescencia.

Con todo, e sen que sexa contraditorio, teño grande admiración pola figura de Xesús, non concibido como mesías redentor, senón como home loitador. Que pensaría esa figura histórica se os seus cromosomas que andan por aí esparexidos recompuxesen novamente os seus ollos e puidese ver tanto despropósito montado sob o seu nome? Non teño dúbidas de que se os seus dedos resucitasen, Xesús entraría nesta páxina web e asinaría a proposta que alí se fai.

quarta-feira, dezembro 07, 2005

Sempre con présa...


Eu e os reloxios non nos levamos moi ben. A axenda marca un camiño. As miñas pálpebras e os meus pés marcan sendeiros que se bifurcan unha e outra vez.

terça-feira, dezembro 06, 2005

Perhaps Scotland


Dáme preguiza escribir, porque o ADSL de R vaime á velocidade da pataca e teño medo de que se perda o que fago. Copiarei no portapapeis este texto repetidas veces para tentar que iso non aconteza. Terei que chamar de novo para que mo arranxen? Tamén non quero que esta sexa publicidade negativa para R. Ben vinda sexa esta empresa que usa o galego e que ten técnicos competentes, non como as bazofias infumábeis de Wanadoo. (Consello: NON VOS FAGADES CLIENTES DE WANADOO. É UN CALOTE CON FORMATO DE EMPRESA.)

Xa case teño aprendida a canción "You're beautiful" de James Blunt. Xa sei que non é grande mérito, porque a letra é en xeral faciliña, salvo algún versiño que, a min cando menos, se me atragantou un pouco. Terei a constancia de aprender unha canción ou poema cada quince días? Dubídoo, mais debería pórme con máis seriedade a aprender inglés.

Como estes días de ponte da Inmaculada Constitución parece que tampouco vou ter uns días de ferias propriamente ditos, como sería o meu desexo, dedícome a soñar que no verán irei a Scotland. Pedinlle xa ao compañeiro de fatigas que, se vén aló comigo (sería bonito que viñese), só falemos english, para así facer máis proveitosa a viaxe.

O primeiro romance (enténdase este termo á galego-portuguesa e non á española) que lin na miña vida trataba dun rapaz escocés orfo e moi pobre que se fugaba da casa dos seus tíos que o explotaban e maltrataban. Chegou a un castelo que tiña un fantasma como atractivo turístico: Sir Arthur. O rapaz agochouse no castelo e fíxose pasar por ese espírito. A noveliña pertencía á colección laranxa do Barco de Vapor, para nenos a partir de nove anos, que debían ser xusto os que eu tiña porque andaba por terceiro de EXB. Ir a Escocia será voltar tamén a imaxinarios da miña infancia :D

Por certo, o libriño, que daquela lin en tradución para o español, ten xa a súa versión na nosa lingua.

quinta-feira, novembro 24, 2005

Renazo como o Gato Félix!

Ola! Pois aquí estou de novo asomando a cabeciña. Tiven o blog descoidado demasiado tempo, é verdade, e grazas a quen mo recordou ;) Non é que me acontecese nada mao, simplemente que andei a outras cousas da vida...

Axiña conto. Prometido!

domingo, outubro 02, 2005

Teño un trauma enriba

Navegando pola rede, descubrín como se fan os smilies...

sexta-feira, setembro 09, 2005

Voume para a periferia da capital (case seguro)


Así que xa podo ir apurando co carné!

terça-feira, setembro 06, 2005

Ter unha casa en Chachahuí

Estou a pensar seriamente en comprar piso, malia os prezos desorbitados desta capital que Otero chamaba "a maior aldeia de Europa". Por se non tiña pouco coas cousas de que falaba no anterior post.

domingo, setembro 04, 2005

Como acabar co estrés?

No medio dunha conversa, o Ru díxome algo ao que lle levo dando voltas. Nunha ocasión en que a el o estrés se lle somatizou, os médicos explicáronlle que esta doenza se produce cando un é consciente de que ten moitas cousas a facer e non ten posibilidades de facelas todas. Xa sei que vulgarizo e simplifico, mais penso que se entende perfectamente. Alguén que ten responsabilidades mais non lle importan ou aquel que ten moitas responsabilidades mais as aparca cando non dá feito... Esas persoas non teñen estrés.

Isto deume que pensar, porque a verdade é que eu me encontro bastante peor desde o momento en que fixen a listaxe consciente e escrita de obxectivos para os próximos meses e me decatei de que non hai xeito humano de conseguilo. Priorizar pode ser a palabra máxica, mais nin sempre é fácil iso.

Paso unha etapa gris, de dentro de min, que non nas miñas circunstancias.

Outras virán.

quinta-feira, agosto 25, 2005

Antoloxía (3)

Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos:

Que sequen, como eu me seco,

que morran, como eu me morro.


Rosalía de Castro

quarta-feira, agosto 24, 2005

Antoloxía (2)

Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.

Antonte leváronlle o viático ao vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.

Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:

- Deica logo, Eleuterio!

E os veciños que acudiran ao espeutáculo taparónse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ao casino, e o "deica logo Eleuterio" xa se convirteu en motivo de risa.

Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno.

Daniel Castelao

segunda-feira, agosto 22, 2005

Antoloxía dos meus gostos literarios (1)


No volveré a ser joven

Que la vida iba en serio

uno lo empieza a comprender más tarde

-como todos los jóvenes, yo vine

a llevarme la vida por delante-.


Dejar huella quería

y marcharme entre aplausos

-envejecer, morir, eran tan sólo
las dimensiones del teatro-.

Pero ha pasado el tiempo

y la verdad desagradable asoma:

envejecer, morir,

es el único argumento de la obra.

Jaime Gil de Biedma


domingo, agosto 21, 2005

Unha lenda que cruzou o Atlántico


Onte á noite, antes de durmir, lin un pouquichiño do libro que fala das lendas urbanas, talvez por amortizar o investimento. O caso é que apareceu aí unha que coido que me contaron hai pouco como algo fiábel que acontecera en Sarria!! Eis a historia, que de xeito máis ou menos modificado se localiza tamén en varios pontos dos Estados Unidos:

Uns de Sarria tiñan un can e os seus veciños (veciños de porta con porta e horta con horta) tiñan un papagaio que moito querían. Unha mañá o can apareceu co papagaio na boca. Lograron quitarllo tras moitos esforzos, mais resulta que xa estaba morto. Foron á casa dos veciños para lles pedir desculpas, mais tras moito chamar, viron que non estaban. Entón, tomaron a decisión de llo deixar na gaiola da horta.
Cando os veciños chegaron, a altas horas da noite, petáronlles na porta, excitados:
- Ai! Sabedes que nos pasou? Un milagre! O noso papagaio morreu onte, enterrámolo e, tanto nos quería, que volveu aparecer na gaiola!

sábado, agosto 20, 2005

Picadas de mosquitos

Teño o corpo cheo de "grans" que penso que están provocados por picadas de mosquitos. O pobre do P, tamén. De tanto rañar nalgunhas zonas do meu corpo, estas xa non teñen moi boa pinta. Iso que xa lles botei amoníaco en forma de after-bite, que vos aseguro que non é o mellor perfume para ir dar unha volta. Se coñecedes algún remedio efectivo, por favor, deixade mensaxe. A ver se serve limpar a consciencia a casa e comprar un produto anti-mosquitos no supermercado.

Noutra orde de cousas, acabo de acordar cunha chamada telefónica do Ru, sen durmir as horas necesarias para ser persoa. Deiteime tardísimo, limpando o computador velliño, o primeiro que comprei na miña vida, haberá uns cinco anos e coa axuda do P. A vida vai facendo as súas mudanzas.

Son o que compro?

Hoxe foi un día medianamente bo no nivel de traballo. Ao saír do local, fun con P a comprar libros. El facíao para llos agasallar aos seus sobriños (eu algo contribuín xa con algún galano) e eu para me entreter. Pensaba comprar algún romance que me enganchase, me fixese pensar, me descubrise cousas novas... E finalmente comprei dúas traducións do inglés, intituladas na versión castelá como El fabuloso libro de las leyendas urbanas (vol. I) e Eres lo que comes. Hoxe chegou tamén ás miñas mans o libro As actas escuras, coa bonita edición d' A Nosa Terra. Teño tamén gañas de lelo.
Ademais das lendas urbanas recollidas polo especialista ianqui en folclore, tamén están as nosas lendas tradicionais e as urbanas que se lle van entremesturando. Temos xa na rede un novo espazo para isto: a Galiza encantada de Antonio Reigosa. Recoméndovos que deades unha volta por aí.
.......................................................
Ra vaise hoxe de Galiza e tomará o avión mañá rumbo a Siria. Xa nos despedimos del. Parece que ten planos de regresar a ver ao seu amante, ou aos que lle ficasen no camiño ;)

sexta-feira, agosto 19, 2005

Álbum familiar

Hoxe retornei en conversas a vidas e pensamentos da infancia. É curioso ver como afloran soños e pensamentos que nunca antes verbalizaras, que estaban recluidiños, case esquecidos. Talvez hixiene?
......................................................................................................................................
Vemos tamén nestes mes de agosto que o novo Goberno vai botando a andar. Que cumpra a metade das nosas esperanzas!!

quinta-feira, agosto 18, 2005

Ansiedade

Chego con enerxía despois dos días paradisíacos, mais novamente volta a ansiedade de horríbeis situacións de silencios e culpas. Non vou poder aturar moito máis tempo así. Unha vez cada catro días (con moita marxe) estoura a bomba. O consolo é que son feliz nas parénteses.
Hoxe comezo a tentar darlle toda a solución posíbel pola miña parte.

quarta-feira, agosto 17, 2005

Tres días paradisíacos

Desde o sábado até onte, pasei uns días marabillosos con P. Descubrimos os encantos da praia de Barra e do seu marabilloso chiringuito onde se pode cear ao solpor ollando para as ondas. Gozamos do marisquiño en Bueu (aínda que sen carta en galego, cousa que lles propuxemos amabelmente). Fomos ás festas de Beluso, onde conseguimos dous encantadores peluxes. Colonizamos Ons durante unhas horas, vendo marabillosas imaxes na viaxe de ida e, especialmente, na viaxe de volta. Saímos polo ambiente de Vigo, do cal cada vez gosto menos.

Tamén houbo, como non, pequenos momentos para os enfados e para os reprochiños (non recordaba que P me agasallara rosas o ano pasado polo meu aniversario, he he...). Na parte negativiña, tamén unha faneca brava que decidiu que o meu pé ía confundido cara a ela e as bichas inmensas e os engarrafamentos do tránsito. Mais esas pequenas sombras non escurecen a luz intensa e máxica destes días.

Estas pequenas ferias terminaron con uns sustos familiares que, afortunadamente, só foron iso, sustos, mais que non impiden que vexamos tan claro coma sempre que o exército do Estado español non pinta nada en Afganistán.

quarta-feira, agosto 03, 2005

Xa estamos en agosto

Había tempo que non escribía nada por aquí. Chego sen unha idea moi clara de qué pór, máis con gañas de actualizar que outra cousa.

Matriculeime nun ximnasio onte e espero comezar mañá a ir ;) Acabo de terminar a tradución do contrato para me matricular dunha vez na autoescola, xusto cando aprobou o exame o que ía ser o meu compañeiro de fatigas no estudo da teórica!!!! Algo máis de orde hai no meu cuarto, porén só algo máis. E estou exhausto. Sempre exhausto...

sábado, julho 23, 2005

?????

E agora, que foi o que aconteceu?

quarta-feira, julho 20, 2005

O pacto xa está

Pois iso. Parece que xa se chegou a un acordo nos flecos que faltaban e o pacto xa está fechado. Agora fáltanos coñecelo de verdade na súa totalidade e non só através das raioliñas que algúns medios de comunicación vaian soltando. O resultado dos flecos de Política Lingüística e Comunicación non me pareceu moi bo, a verdade. E aquí habería que facerse moitas preguntas, seguramente internas ao propio movemento nacionalista e á súa lista de prioridades.

Esta fin de semana celébrase aquí en Santiago o Festigal. Aló estarei.

Teño gañas de descansar de verdade, mais para iso preciso que tamén o P decida facelo.

segunda-feira, julho 18, 2005

Política Lingüística onde?

Toda a xente interesada en política está a falar da estrutura do novo goberno. Os medios de comunicación dan nomes ás veces inverosímiles para ocuparen as consellarías, non se sabe se con malicia estudada ou simplemente por inventaren a noticia como quen cubre unha quiniela.

O pacto aínda non está fechado, mais hai cousas que resultan preocupantes e que por iso as quero expresar desde este meu blog case-invisíbel. Como pode ser que estea en discusión se Política Lingüística vai caer nas mans do BNG ou do PSOE? Hai declaracións ambiguas sobre iso que dan para quentar a cabeciña das persoas que queremos que a situación da lingua galega mude substancialmente nos próximos catro anos. Oxalá o BNG, a conta de querer demostrar que é un "partido de xestión" non nos demostre tamén que cando quixeron tirar a auga suxa tamén tiraron a crianza que estaba na palangana.

Por outra banda, parece que tamén se levará a a cisterna a proposta plasmada nos programas electorais de BNG e de PSOE segundo a cal a área de Política Lingüística debería ter unha capacidade de actuación transversal. Fálase de que ou continúa na Consellaría de Educación ou pasaría para a Consellaría de Cultura.

sábado, julho 16, 2005

Laurie Anderson

Grazas ás marabillas de internet, hoxe descubrín a Laurie Anderson através da súa canción "Oh Superman". Estou fascinado. É marabilloso ir renovando a banda sonora da vida. Con certeza que o Roi xa a coñece, e non sei como é capaz de armacenar tanta cultura na súa cabeciña. Eu, humildemente, marabíllome con estas pequenas descobertas.

Noutra orde de cousas, debo ir deixando atrás as mensaxes máis pesimistas de posts anteriores. Agora mesmo síntome feliz, voltando aos inicios da maxia. A maxia nunha nova fase. (O Álex, un rapaz murciano que coñecín en Ferrol onte, diría que non é maxia, que é enerxía. Einstein mediante.)
Hoxe conteille ao Rubén unha cousa que levaba gardada desde h
ai oito anos. As voltas que dá a vida. ;)

segunda-feira, julho 11, 2005

Ortigueeeeeeeira


Continúo, como non, coa miña leve desorde. Por exemplo, hoxe debo iniciar proxectos (como apontarme á autoescola) que debería ter xa encetado a semana pasada.

Tentei ter unha fin de semana de relaxación. Desconectei na Coruña unhas horas, fun a Ferrol para cousas da asociación e despois recalei en Ortigueira. Alí estiven unhas horas varado, debido a problemas de comunicación (Fran ficou sen batería). Desde o momento en que o encontrei, coñecín a súa irmá e seus amigos e chegou Paulo; bon, desde ese momento, Ortigueeeeira festa rachada. Había moito tempo que non o pasaba tan tan tan tan ben. Fixen moito o parvo, iso si. E cousas acontecidas, vistas, sentidas aló déixanme a dúbida sobre como estou a tecer moitas relacións con outras persoas, algunhas moi importantes na miña vida.

Se a semana pasada a baixada das defensas me fixo saír un pequeno herpes no beizo, hoxe levántome xa coa garganta dolorida. Inmunoferón, agárdame! Vou por ti!

quinta-feira, julho 07, 2005

Quebracabezas

Cal decisión tomar que sexa a acertada para a felicidade? Que paso dar que non sexa só para os meus pés? Como se pesan os sentimentos? Como dou ulido as flores que me nacen no embigo? Como fun capaz de achegarme alegremente á beiriña do abismo?
Por que os sentimentos máis profundos me fan escreber sempre como se fose un adolescente??
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.

quarta-feira, julho 06, 2005

Surfeando (metaforicamente)

Nas palabras, nas decisións e nas conversas.

terça-feira, julho 05, 2005

segunda-feira, julho 04, 2005

Resistencias

A axenda por un lado e eu por outro. Alguén coñece un remedio contra isto, algunha fórmula máxica para revitalizar a vontade?

Piscina, autoescola e algunha negociación



A redistribución do meu tempo vaime levar a matricularme ao fin nunha autoescola, que non ten moi bo nome, mais que me fica perto, usa algo o galego e é, seica, a máis barata. Ademais, así poderei ter un compañeiro de fatigas no proceso.

Hoxe teño as horiñas ben contadas pola axenda, porque teño moitas cousas a facer. E algunhas certamente importantes, tanto como ilusionantes. Polo demais, hoxe síntome, igual que nestes días, nunha canción de Luz Casal. Hai tamén decisións importantes da miña vida que sei que debo tomar, mais que (talvez afortunadamente) aínda non me atrevo a tomar.

sábado, julho 02, 2005

Hoxe a Lugo



A nosa manifestación nacional polo día do Orgullo Gai e Lésbico e Transexual, etc, é en Lugo. Así que aló irei. Estou cansado, moi cansado, e tamén algo preocupado, polo que non sei se o darei pasado ben. Agardo desconectar todo o posíbel, sen esquecer tampouco que teño documentos moi importantes a redixir nesta fin de semana.

quinta-feira, junho 30, 2005

Confusión

Síntome como un adolescente en encrucilladas. Estraño. Estrañado. Musiquiñas de Pedro Guerra e Silvio Rodríguez.
Mais xa non son un adolescente.

Nos últimos tempos mudaron cousas nas miñas perspectivas. Os átomos dos corpos cámbianse de vez cada non sei cantos anos. Tal vez os meus átomos sexan de vez diferentes sen eu me dar decatado dos millóns de disimulados microcambios.

Sol ou chuvia, dilema nun outonizo día do Xuño que prometía canícula.

terça-feira, junho 28, 2005

69 anos despois

Hoxe é día 28 de Xuño. Ademais de ser Día do Orgullo Gai e Lésbico, hai 69 anos que os galegos e as galegas estaban convocad@s ás urnas para decidir se querían ou non un Estatuto de Autonomía. A resposta foi SI, abrumadoramente. 69 anos despois, Galiza comeza unha nova etapa da súa historia. Novamente, 69 anos despois, as esquerdas gañan sobre as dereitas. Novamente, 69 anos despois, o nacionalismo ten un protagonismo chave no proceso.

A maioría dos medios de comunicación, os "galegos" tamén, están a se centrar en que Touriño vai ser o novo Presidente da Xunta. Quérese esquecer que o PSOE ficou a 13 escanos da gobernabilidade, xusto a cifra de deputad@s que ten o BNG... Agardo que a negociación non sexa rápida, como piden algunhas e algúns, senón que leve o tempo preciso para que se resolva beneficiosamente para o proceso de construción nacional e de consolidación dun espazo sociopolítico proprio.

segunda-feira, junho 27, 2005

Hoxe xógase a prórroga

Non houbo empate o día 19. O PP ten moitos menos votos que a suma dos votos recibidos por BNG e PSOE. Mesmo que hoxe gañase o escano que lle falta para a maioría absoluta, gobernaría cun número de apoios cidadáns menor que o sumado pola que sería a súa oposición.

A ver que pasa. A champaña continúa no seu sitio. Expectante.

sábado, junho 25, 2005

Non facerse vellos, sendo humanos, é imposíbel

Este verso, traducido, pertence a un novo poema de Safo que se acaba de descubrir. Podes ler o artigo orixinal da descoberta coa versión do poema en inglés aquí. A tradución inglesa, coas consabidas conxecturas e reconstrucións, é esta:

[You for] the fragrant-blossomed Muses’ lovely gifts
[be zealous,] girls, [and the] clear melodious lyre:

[but my once tender] body old age now
[has seized;] my hair’s turned [white] instead of dark;

my heart’s grown heavy, my knees will not support me,
that once on a time were fleet for the dance as fawns.

This state I oft bemoan; but what’s to do?
Not to grow old, being human, there’s no way.

Tithonus once, the tale was, rose-armed Dawn,
love-smitten, carried off to the world’s end,

handsome and young then, yet in time grey age
o’ertook him, husband of immortal wife.

sexta-feira, junho 24, 2005

Novo tempo

Non vou falar agora do novo tempo para o país que chegou e que debe ser confirmado oficialmente co reconto dos últimos votos que faltan por contar, os chegados da emigración. Refírome neste post ao tempo novo que debe comezar na miña vida, por ter tempo xa para reordenala. Din que as cousas que comezan en luns terminan en mércores. Serei capaz desta?

quinta-feira, junho 23, 2005

A esta mani non podes faltar!

Tal e como está o patio, non tes escusa para non vires a esta manifestación. O próximo sábado ás 20 horas, Orgullo Gai e Lésbico en Santiago.

Alí estarei!

terça-feira, junho 21, 2005

Caro diario:

Póñome a escribir sen ter aínda moita idea de que pór aquí. Chego á miña cita co caro diario das non-confidencias. Non-confidencias salvo que se fagan a media luz.

A xente con gañas de cambio mantén aínda unha raiola de esperanza en que o PP non obteña novamente a maioría absoluta. Só de pensar no exército de gaiteiros dándolle a benvinda a un novo mandato de Fraga e xa me poño doente! Socooooorroooo!

Esta fin de semana irei a Lugo, pois seica se celebra alí a mani-festa do Orgullo deste ano. De momento, a cousa non parece moi ben convocada, pois nin tan sequera en internet hai información, que xa é dicir. Conste que esta é unha crítica construtiva. Non podería ser doutro xeito, pois seguro que se non se pode facer mellor é porque lle faltan máis mans (entre elas, as miñas) para facelo mellor.

Outro obxectivo para a nova vida que quero comezar: Afiliarme dunha vez a un colectivo gai. (Que conste que xa me ía afiliar hai tempo, mais xusto nese momento o CGC pasou por unha forte crise, que case desaparece. Agora que volven cobrar vida, debo tentar darlles o meu apoio, aínda que só sexa económico. E iso que pago xa tantas tantas tantas cotas!

segunda-feira, junho 20, 2005

Q tristeza!

A campaña do BNG foi moi boa e fíxonos soñar. Os inquéritos a pé de urna deixáronnos ver o que soñábamos. A súa coincidencia dáballes credibilidade. E, finalmente, a porca realidade rompeunos o soño. O PP podería revalidar a maioría absoluta e o BNG cae ao nivel de representación parlamentaria de 1993. O PSOE, malia o seu candidato, refórzase conseguindo o seu segundo mellor resultado da historia autonómica.

A esperanza, a pequena esperanza, é que o escano en xogo por Pontevedra finalmente non o arrebate o PP. Abriríanse as portas así ao chamado cambio. Así e todo, eu non as teño todas comigo. Temo, por exemplo, que o PSOE se reespañolice como xeito de se distanciar do BNG e que iso poida ter implicacións no posíbel acordo de goberno ou acordo de lexislatura.

Algo fixemos ou talvez algo non fixemos para que isto pase. Beiras puxo un triste final á súa biografía contribuíndo a levarnos a esta situación. O debate que agora haxa no nacionalismo debe ser, en todo o caso, construtivo, porque as loitas intestinas dos últimos catro anos penso eu que xa fixeron dano abondo.

sábado, junho 18, 2005

Botellón

Paseino moi ben hoxe. Mesmo con algunha sensación de dejà vu (penso que se escribe así).

sexta-feira, junho 17, 2005

Bailoteando

Nervos e emoción ante a posíbel derrota de Fraga Iribarne. Falta menos... Falta menos...

3, 2, 1...

A conta atrás para o cambio político está xa máis próxima de chegar ao seu fin. Hai ilusión, hai esperanza, mais a porcentaxe de indecisos ou persoas de voto non declarado supón unha tendencia importante que pode decidir o final destes días de festa.

O PP moverase como nunca este domingo, e non sempre con xogo limpo. Mais a súa maquinaria comeza xa, e non era sen tempo, a estar un pouco enferruxada.

Eu, pola miña parte, preciso pór orde, descansar algo, respirar fondo e volver con forza aos vellos proxectos.

SMS

Chegoume isto:

HOMOFOBIA NUNCA MÁIS. Concentración este sábado ás 11.45 horas no Obradoiro en resposta á manifestación de Madrid en contra de lésbicas e gais apoiada polo PP e a Igrexa. PÁSAO.

terça-feira, junho 14, 2005

Pálpebras que caen


Estou demasiadas veces demasiado cansado. É algo ao que teño que tentar pórlle remedio, canto antes. Voume deitar agora mesmo, para poder durmir as mínimas oito horas precisas.

A campaña continúa adiante, acaparando case toda a atención. A maioría da xente coincide en que se pode xa tocar cos dedos a xubilación de Fraga. Unha xubilación que, con certeza, non será antecipada...

A Mesa pola Normalización Lingüística puxo hoxe en circulación un power point sobre os resultados da xestión de Fraga para o idioma que nos une como galegas e como galegos.

Deixei o vídeo gravando unha nova serie que botan en TVE, algo así como Mulleres desesperadas, e da cal xa me falara moi ben miña irmá. A ver que tal...

Un blog non é un diario

Estou no traballo, no computador do Departamento do instituto.

Viña pensando que había cousas que gostaría de pór no blog, mais que o blog non é un diario, nin unha axenda, nin cousa semellante. Non é este, non, lugar para arexar intimidades ou aventurar confidencias. Supoño que xa moita xente, en moi diversas linguas reflexionaría antes sobre isto...

Tampouco sei aínda que grao de anonimato darlle ou non a este blog. Continúo aínda en obras. Como a vida, non?

Como Allarís, todo o país

Seica se estreou novo lema para a campaña: Galiza como Allariz. Eu prefiro a versión seseante que lle escoitei hai anos a un compañeiro de Galiza Nova: Como Allarís, todo o país!

segunda-feira, junho 13, 2005

Vou para a cama (xa vedes que noticia)


Como isto do blog, pola súa novidade, é como un xoguetiño para min, non podo deixar de escribir un pouquerrechiño antes de me ir deitar. Teño que durmir ben que, se non, as defensas baixan e chegan as infeccións.

Non podo deixar de estar feliz, porque cada vez parece faltar menos para que nos libremos do Monstro:





O galego na Unión Europea

Non hai moita novidade: O galego, o catalán e o basco continúan practicamente co mesmo nivel de recoñecemento que tiñan, lonxe da oficialidade real. O que non deixa de ser curioso, por hipócrita, é que o PSOE diga demandar nas institucións da Unión Europea o que non consinte nas institucións estatais de aquí. Para cando se poderá utilizar o galego no Congreso ou no Senado? Para cando a Administración central utilizará con normalidade e preferencia o noso idioma? Recordemos: os formularios da renda, os formularios de bolsas de axuda ao estudo, as papelaxes da Tesourería Xeral da Seguridade Social, as webs dos Ministerios... Na casa do ferreiro, coitelo de pau.

Comeza un novo día

Comeza un novo día e cada vez falta xa menos para as eleccións. Hoxe é o último día en que a lei permite publicar inquéritos e os resultados que se lle dan ao BNG son de estabilidade a respecto do 2001: podería descer un, mentres a valoración do candidato e as súas opcións como alternativa foron aumentando ao longo da campaña. Se eses fosen os resultados (que aínda poderían ser mellores), o Bloque estará nunhas condicións óptimas para negociar.

Non deixo de escandalizarme pola manipulación informativa. Hoxe La Voz agasalla con novas pérolas: Escríbese a crónica electoral do BNG preguntándolle a un paisano, que é un xeito de desvirtuala. É algo así como cando nos xornais, para nos ilustraren sobre a maldade de Cuba ou de Venezuela, lle preguntan á xente da rúa sobre a situación económica deses países. Son manipulacións subtís, na procura de que alguén, aínda que non sexa un observador cualificado, lles diga aos medios o que queren ouvir, o que deben transmitir. Ética xornalística? Ula?

Cando escriben nese mesmo xornal sobre asistencia aos actos, idem de lienzo. Cando menos na versión virtual (non lin aínda a versión en papel) non se di que en Allariz case se chega ás 2.000 persoas (máis de 1.700 dixo Europa Press) ou que en Ponteareas se superaron as 500 (dixo Europa Press tamén nun teletipo, que o mesmo xornal de que estou a falar rebaixou considerabelmente). Non digo que o BNG non poida ser a organización que menos convoque, mais o ético é non rebaixar as cifras para unha organización política mentres se manteñen ou inflan as dos demais (penso, p. ex., no caso da mal chamada romaría do Monte do Gozo, onde La Voz, igual que a maioría dos xornais, multiplicou as cifras de asistentes, mentres tamén Europa Press, e non só ela, nos teletipos falaba duns -xenerosos- 20.000 romeiros).

Abaut mii

Teño que terminar de postear isto rapidiño, pois debo ir saíndo para traballar. Durmín pouco, porque rematei onte, ben tarde, algunhas das cousas que tiña que facer. A ver como fago agora o encaixe de bolillos para a semana, co pouco tempo e a apretada lista das cousas a facer aínda.

Falamos.


domingo, junho 12, 2005

Dúas boas páxinas sobre as eleccións

Clica en cada unha destas ilustracións e verás unha boa páxina sobre as autonómicas do próximo 19-X:



Que o que se gañe o domingo non se perda o mércores

Aínda estou por aquí, enviciado con isto de enviar garrafas ao mar desde internet. A cousa, vendida como sinxela, é realmente sinxela.

Véxase esta noticia do semanario A Nosa Terra:

A primeira maioría de Fraga en 1989 obtívose cun sospeitoso resultado do voto emigrante

Nas eleccións de 1989 o PP obtivo a maioría absoluta, mercé a unha sospeitosa alteración da lóxica estatísca, disparándose en Ourense a incidencia do voto do PP no Censo de Residentes Ausentes: foi o único caso no que lle gañou ao PSOE e fíxoo por unha diferenza que non se corresponde con nada sucedido nin antes nin repetido despois. Aquel oitavo escano de Ourense decidía a presidencia de Fraga. Foi cousa do home do saco?

En todos os procesos electorais desde 1989, o Partido Popular vense xogando as súas posibilidades de goberno no gume da navalla: só lles vale conseguir maioría absoluta. As eleccións do 17 de decembro de 1989 estaban marcadas por moitas particularidades que é preciso lembrar para situarse. A presidencia da Xunta encabezábaa o socialista Fernando González Laxe, que viña presidindo desde 1987 un goberno tripartito xunto ao PNG e Coalición Galega, despois de producirse unha moción de censura apoiada por deputados que se desligaran do PP. Paradoxicamente, o PSOE de Madrid nunca apoiou ese goberno alternativo, e como símbolo dese distanciamento o presidente español, Felipe González, nunca recibiu na Moncloa ao seu correlixionario González Laxe. A outra singularidade era a presenza de Manuel Fraga como candidato, despois de terse retirado da primeira liña política, cedendo a presidencia do PP a José María Aznar. Finalmente, as eleccións galegas tiveron lugar apenas mes e medio despois do PSOE obter a súa terceira maioría consecutiva no Congreso dos Deputados.

A noite electoral Fraga cantou vitoria cos resultados provisorios na man, nos que chegaba axustadamente aos desexados 38 deputados, pero na cociña dos partidos todos os ollos se dirixían a Ourense, onde os cocientes de asignación de votos deixaban as espadas en alto á falta do escrutinio definitivo e a contabilización dos votos dos residentes ausentes. Nesas primeiras horas, os escaños de Ourense correspondían do seguinte xeito: PP (8), PSOE (5), Coalición Galega (1) e BNG (1), e así o publicaron algúns xornais o 18 de decembro. Horas despois reasignábanse e cos datos provisorios o BNG perdía o seu representante en favor do PSOE. Os derradeiros cocientes de PP, PSOE e BNG estaban axustadísimos: o PP obtiña o seu oitavo escano ourensán con 10.270 votos e o PSOE o seu sexto con 10.065 e o BNG quedábase ás portas con 10.060.

Faltaba escrutar o Censo de Residentes Ausentes e revisar as actas antes de coñecerse os resultados definitivos. Comezaban as sorpresas.

-----------------------------------------------

Non lles permitamos que gañen arteiramente o mércores o que perdan o domingo!


Fedellando

Continúo a fedellar por desvelar algúns pequenos misterios da informática (e do inglés das instrucións) que me axuden a ter un blog un pouco máis xeitosiño. Comecei póndome como Simulacro26 o nome da páxina e o enderezo, como se pode ver na primeira mensaxe, que puxen onte de madrugada.

Xa tiven a miña conversa do día através do msn cun novo amigo da alma, que coñezo desde hai tempo mais co que me levo especialmente ben desde hai unhas semanas. Estou só na casa e sen facer todo o que teño que facer. E el collerán as cousas e faranse soas? Brrrrrr....

Agora o enderezo deste blog é o que ves, e o nome fica en "Simulacros dun areeiro", do que gosto máis.

Faltan sete días para o final da mercadotecnia eleitoral e o comezo da realidade. Eu teño a champaña preparada, aínda que só haxa sorbos agridoces.


Inquéritos e agobios

O PSOE manipula TVE

Hoxe debería ir ao paraíso perdido da miña infancia e mocidade a ver á familia e á veciñanza indecisa. Mais deiteime tarde, estou canso e non sei que facer... Se alguén sabe de un curso de autoaxuda que sirva para que un teña máis vontade e sexa minimamente efectivo, por favor, que deixe recado nos comentarios de aquí abaixo.

Levo días con varias cousas atrasadas que non dou sacado para adiante, co conseguinte agobio. Onte talvez perdín algunhas oportunidades importantes, ou talvez non. Quen sabe. E, para máis inri, aturar os inquéritos coa súa tendenciosidade. E as crónicas equidistantes de algún xornal.

Mentres, TVE, tan obxectiva ela, decide sacarlle as castañas do lume a Touriño e anular o debate con escusas de mal pagador que nin tan sequera utilizou a TVG hai unha semana. Enfín! Para cando unha TV pública non partidaria?



Outro éxito de Fraga

Por se fosen poucos os éxitos de Fraga, aí vai outro:

Cambio ou cambiazo?

Recomendo a páxina www.destavai.com E desta irá! Malia a que Francisco Vázquez e compañía nos queiran dar cambiazo en troca do cambio desexado.






O primeiro día

Estou aínda a tantear con internet, e nin tan sequera sei ben onde irá parar esta primeira mensaxe que estou a escribir para o éter. Tiña tantas cousas para facer, mais aquí estou creando un blog que non sei que futuro terá ou se o darei feito minimisimamente ben.

Pensei un pouquiño en que nome pórlle. Eu quería que fose simplemente Simulacro, mais finalmente tiven que pórlle Simulacro 26. Como non son moi adito ás cábalas, e non hai moitos números que me digan grande cousa (para alén do 69) optei por utilizar a miña idade actual. Ben sei que se continúo vivindo e continúo actualizando este blog, talvez dentro dun tempo sinta saudade desta cifra. Así che é a vida: tan fea que é imposíbel deixar de darlle patadas (Lupe Gómez dixit).