quarta-feira, agosto 24, 2005

Antoloxía (2)

Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.

Antonte leváronlle o viático ao vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.

Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:

- Deica logo, Eleuterio!

E os veciños que acudiran ao espeutáculo taparónse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ao casino, e o "deica logo Eleuterio" xa se convirteu en motivo de risa.

Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno.

Daniel Castelao

Sem comentários: