quinta-feira, agosto 25, 2005

Antoloxía (3)

Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos:

Que sequen, como eu me seco,

que morran, como eu me morro.


Rosalía de Castro

quarta-feira, agosto 24, 2005

Antoloxía (2)

Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.

Antonte leváronlle o viático ao vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.

Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:

- Deica logo, Eleuterio!

E os veciños que acudiran ao espeutáculo taparónse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ao casino, e o "deica logo Eleuterio" xa se convirteu en motivo de risa.

Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno.

Daniel Castelao

segunda-feira, agosto 22, 2005

Antoloxía dos meus gostos literarios (1)


No volveré a ser joven

Que la vida iba en serio

uno lo empieza a comprender más tarde

-como todos los jóvenes, yo vine

a llevarme la vida por delante-.


Dejar huella quería

y marcharme entre aplausos

-envejecer, morir, eran tan sólo
las dimensiones del teatro-.

Pero ha pasado el tiempo

y la verdad desagradable asoma:

envejecer, morir,

es el único argumento de la obra.

Jaime Gil de Biedma


domingo, agosto 21, 2005

Unha lenda que cruzou o Atlántico


Onte á noite, antes de durmir, lin un pouquichiño do libro que fala das lendas urbanas, talvez por amortizar o investimento. O caso é que apareceu aí unha que coido que me contaron hai pouco como algo fiábel que acontecera en Sarria!! Eis a historia, que de xeito máis ou menos modificado se localiza tamén en varios pontos dos Estados Unidos:

Uns de Sarria tiñan un can e os seus veciños (veciños de porta con porta e horta con horta) tiñan un papagaio que moito querían. Unha mañá o can apareceu co papagaio na boca. Lograron quitarllo tras moitos esforzos, mais resulta que xa estaba morto. Foron á casa dos veciños para lles pedir desculpas, mais tras moito chamar, viron que non estaban. Entón, tomaron a decisión de llo deixar na gaiola da horta.
Cando os veciños chegaron, a altas horas da noite, petáronlles na porta, excitados:
- Ai! Sabedes que nos pasou? Un milagre! O noso papagaio morreu onte, enterrámolo e, tanto nos quería, que volveu aparecer na gaiola!

sábado, agosto 20, 2005

Picadas de mosquitos

Teño o corpo cheo de "grans" que penso que están provocados por picadas de mosquitos. O pobre do P, tamén. De tanto rañar nalgunhas zonas do meu corpo, estas xa non teñen moi boa pinta. Iso que xa lles botei amoníaco en forma de after-bite, que vos aseguro que non é o mellor perfume para ir dar unha volta. Se coñecedes algún remedio efectivo, por favor, deixade mensaxe. A ver se serve limpar a consciencia a casa e comprar un produto anti-mosquitos no supermercado.

Noutra orde de cousas, acabo de acordar cunha chamada telefónica do Ru, sen durmir as horas necesarias para ser persoa. Deiteime tardísimo, limpando o computador velliño, o primeiro que comprei na miña vida, haberá uns cinco anos e coa axuda do P. A vida vai facendo as súas mudanzas.

Son o que compro?

Hoxe foi un día medianamente bo no nivel de traballo. Ao saír do local, fun con P a comprar libros. El facíao para llos agasallar aos seus sobriños (eu algo contribuín xa con algún galano) e eu para me entreter. Pensaba comprar algún romance que me enganchase, me fixese pensar, me descubrise cousas novas... E finalmente comprei dúas traducións do inglés, intituladas na versión castelá como El fabuloso libro de las leyendas urbanas (vol. I) e Eres lo que comes. Hoxe chegou tamén ás miñas mans o libro As actas escuras, coa bonita edición d' A Nosa Terra. Teño tamén gañas de lelo.
Ademais das lendas urbanas recollidas polo especialista ianqui en folclore, tamén están as nosas lendas tradicionais e as urbanas que se lle van entremesturando. Temos xa na rede un novo espazo para isto: a Galiza encantada de Antonio Reigosa. Recoméndovos que deades unha volta por aí.
.......................................................
Ra vaise hoxe de Galiza e tomará o avión mañá rumbo a Siria. Xa nos despedimos del. Parece que ten planos de regresar a ver ao seu amante, ou aos que lle ficasen no camiño ;)

sexta-feira, agosto 19, 2005

Álbum familiar

Hoxe retornei en conversas a vidas e pensamentos da infancia. É curioso ver como afloran soños e pensamentos que nunca antes verbalizaras, que estaban recluidiños, case esquecidos. Talvez hixiene?
......................................................................................................................................
Vemos tamén nestes mes de agosto que o novo Goberno vai botando a andar. Que cumpra a metade das nosas esperanzas!!

quinta-feira, agosto 18, 2005

Ansiedade

Chego con enerxía despois dos días paradisíacos, mais novamente volta a ansiedade de horríbeis situacións de silencios e culpas. Non vou poder aturar moito máis tempo así. Unha vez cada catro días (con moita marxe) estoura a bomba. O consolo é que son feliz nas parénteses.
Hoxe comezo a tentar darlle toda a solución posíbel pola miña parte.

quarta-feira, agosto 17, 2005

Tres días paradisíacos

Desde o sábado até onte, pasei uns días marabillosos con P. Descubrimos os encantos da praia de Barra e do seu marabilloso chiringuito onde se pode cear ao solpor ollando para as ondas. Gozamos do marisquiño en Bueu (aínda que sen carta en galego, cousa que lles propuxemos amabelmente). Fomos ás festas de Beluso, onde conseguimos dous encantadores peluxes. Colonizamos Ons durante unhas horas, vendo marabillosas imaxes na viaxe de ida e, especialmente, na viaxe de volta. Saímos polo ambiente de Vigo, do cal cada vez gosto menos.

Tamén houbo, como non, pequenos momentos para os enfados e para os reprochiños (non recordaba que P me agasallara rosas o ano pasado polo meu aniversario, he he...). Na parte negativiña, tamén unha faneca brava que decidiu que o meu pé ía confundido cara a ela e as bichas inmensas e os engarrafamentos do tránsito. Mais esas pequenas sombras non escurecen a luz intensa e máxica destes días.

Estas pequenas ferias terminaron con uns sustos familiares que, afortunadamente, só foron iso, sustos, mais que non impiden que vexamos tan claro coma sempre que o exército do Estado español non pinta nada en Afganistán.

quarta-feira, agosto 03, 2005

Xa estamos en agosto

Había tempo que non escribía nada por aquí. Chego sen unha idea moi clara de qué pór, máis con gañas de actualizar que outra cousa.

Matriculeime nun ximnasio onte e espero comezar mañá a ir ;) Acabo de terminar a tradución do contrato para me matricular dunha vez na autoescola, xusto cando aprobou o exame o que ía ser o meu compañeiro de fatigas no estudo da teórica!!!! Algo máis de orde hai no meu cuarto, porén só algo máis. E estou exhausto. Sempre exhausto...