domingo, agosto 21, 2005

Unha lenda que cruzou o Atlántico


Onte á noite, antes de durmir, lin un pouquichiño do libro que fala das lendas urbanas, talvez por amortizar o investimento. O caso é que apareceu aí unha que coido que me contaron hai pouco como algo fiábel que acontecera en Sarria!! Eis a historia, que de xeito máis ou menos modificado se localiza tamén en varios pontos dos Estados Unidos:

Uns de Sarria tiñan un can e os seus veciños (veciños de porta con porta e horta con horta) tiñan un papagaio que moito querían. Unha mañá o can apareceu co papagaio na boca. Lograron quitarllo tras moitos esforzos, mais resulta que xa estaba morto. Foron á casa dos veciños para lles pedir desculpas, mais tras moito chamar, viron que non estaban. Entón, tomaron a decisión de llo deixar na gaiola da horta.
Cando os veciños chegaron, a altas horas da noite, petáronlles na porta, excitados:
- Ai! Sabedes que nos pasou? Un milagre! O noso papagaio morreu onte, enterrámolo e, tanto nos quería, que volveu aparecer na gaiola!

1 comentário:

Anónimo disse...

a versión q eu escoitei dicia q cando os donos do can chegaran á casa sorprendéranse de ver unha ambulancia na porta dos veciños, foi entón cando se enteraron de q á súa veciña lle dera un infarto, e non era para menos: o seu querido papagaio morrera, ela enterrouno na horta e cando chegou á casa viuno metido de novo dentro da gaiola....