Non coidarei xa os rosales que teño seus, nin os pombos:
Que sequen, como eu me seco,
que morran, como eu me morro.
Rosalía de Castro
Could be worse. Could be raining.
Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.Antonte leváronlle o viático ao vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.
Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:
- Deica logo, Eleuterio!
E os veciños que acudiran ao espeutáculo taparónse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ao casino, e o "deica logo Eleuterio" xa se convirteu en motivo de risa.
Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno.
Daniel Castelao


Teño o corpo cheo de "grans" que penso que están provocados por picadas de mosquitos. O pobre do P, tamén. De tanto rañar nalgunhas zonas do meu corpo, estas xa non teñen moi boa pinta. Iso que xa lles botei amoníaco en forma de after-bite, que vos aseguro que non é o mellor perfume para ir dar unha volta. Se coñecedes algún remedio efectivo, por favor, deixade mensaxe. A ver se serve limpar a consciencia a casa e comprar un produto anti-mosquitos no supermercado.
Desde o sábado até onte, pasei uns días marabillosos con P. Descubrimos os encantos da praia de Barra e do seu marabilloso chiringuito onde se pode cear ao solpor ollando para as ondas. Gozamos do marisquiño en Bueu (aínda que sen carta en galego, cousa que lles propuxemos amabelmente). Fomos ás festas de Beluso, onde conseguimos dous encantadores peluxes. Colonizamos Ons durante unhas horas, vendo marabillosas imaxes na viaxe de ida e, especialmente, na viaxe de volta. Saímos polo ambiente de Vigo, do cal cada vez gosto menos.